Baixo o título “A figura feminina nas lendas”, a sexta edición do encontro de traballo do GRENO (Grupo de Reflexión Europeo sobre Narrativa Oral), reuniu do 7 ao 11 de novembro a investigadores especialistas en narrativa oral de toda Europa, cunha presenza moi importante da narrativa oral galega. Galicia foi elixida como anfitriona para a celebración de este encontro anual que en 2010 se celebrou en Portugal (Algarve e Lisboa).
O VI Encontro de Traballo do GRENO estivo coordinado pola profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos, xunto coa Fundación Carlos Casares. Esta actividade está patrocinada pola Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia, a Fundación Mondariz-Balneario, a Asociación de Hostelería de Compostela e Pousadas de Compostela.
En total, unha vintena de especialistas de Alemaña, Francia, Grecia, Holanda, Portugal, España, e a presenza de cinco investigadores galegos como Antonio Reigosa, Gonzalo Navaza ou Xosé Ramón Mariño, debateron no Balneario de Mondariz e mais en Santiago de Compostela sobre as particularidades da figura feminina en diversas lendas rexionais e as súas relacións coas lendas europeas e mesmo globais.
Nesta ocasión, o GRENO contou coa presenza dun dos meirandes especialistas en narrativa oral, o profesor Hans-Jörg Uther, da Universidade de Goettingen. O profesor Uther é director da Enzyklopädie des Märchens, que vén alimentando desde a dita universidade, e autor tamén do catálogo internacional The Types of International Folktales.
O Encontro rematou o venres 11 de novembro cunha visita á Biblioteca de Galicia da Cidade de Cultura da man do seu director, José Daniel Buján, que departiu longamente co profesor Uther sobre a posta a disposición pública dos rexistros orais, fondos de enorme interese pero de sistemática difícil. Este broche final a unhas xornadas densas e de frutífero traballo, facilitou contactos de enorme interese que, sen dúbida, darán resultados prácticos.