O salto cualitativo da cita, que desde hai nove anos desenvolvemos en Celanova, tivo na presente edición un importante chanzo que engadir á sempre positiva resposta na matrícula, na oferta programática e mais na escolla dos diferentes materiais audiovisuais. Se o ano pasado o cambio afectou unha reconversión na que os protagonistas foran os creadores acompañando os seus produtos audiovisuais en diferentes formatos, na presente edición, co título Crise vs. Creatividade. Os novos desafíos do audiovisual galego, puidemos sacar xa un rendemento pleno ao incomparable Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC), a vila de Curros Enríquez, lugar privilexiado para un curso destas características.
Os esforzos da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, da Deputación de Ourense cos apoios da Xunta de Galicia, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e do Concello de Celanova, baixo a eficiente coordinación da Fundación Carlos Casares, víronse recompensados na presente edición coa satisfactoria valoración tanto do alumnado asistente como dos profesionais participantes, e mais na altura acadada co Taller Audiovisual “Celanova, Plató de ficción”. Tanto é así, que desde a Fundación Carlos Casares xa se está a traballar na que deberá ser unha memorable, por atractiva, oferta para a próximo ano, que consolide definitivamente o CEUCA (Curso de Extensión Universitaria de Comunicación Audiovisual) como a cita do verán galego ao redor do audiovisual e as súas complexas circunstancias, arrimando o espírito universitario co da reflexión e o debate, sen esquecer a vertente lúdica. Na edición recentemente culminada en Celanova, confirmouse que a creatividade e mais o talento son unha boa ferramenta contra a adversidade.
Miguel Anxo Fernández