O pasado día 15 de decembro, ás 17.30h, tivo lugar no salón de actos municipal de Vilar de Santos a presentación do número 11 da revista Lethes, que recolle, entre outros moitos interesantes artigos, a publicación dos premios do certame Carlos Casares de literatura e artes plásticas. Coa participación de todos os colexios da comarca, e con case 200 obras no concurso, a resposta e calidade dos traballos presentados foi abrumadora. Fiel reflexo disto foi a masiva afluencia de público ao evento.
O acto comezou cunha montaxe escolar feita en Rairiz de Veiga, sobre o texto de Carlos Casares O galo de Antioquía, como homenaxe no décimo aniversario do seu pasamento. Houbo tempo despois para a presentación da revista e para recordar a figura do escritor por parte do director do Centro de Estudos Carlos Casares, Delfín Caseiro; o secretario da Fundación e académico, Henrique Monteagudo, ou o director do Centro de Cultura Popular, Manuel Seoane.
Por último, fíxose á entrega de galardóns aos alumnos e alumnas premiados, xunto cun lote de libros obsequio da nosa Fundación. Os premiados foron, no apartado de creación literaria: Paula Opazo Lozano, Edgar Rodríguez María e os alumnos de primeiro A e B de ESO do IES Cidade de Antioquía de Xinzo; e no apartado de plástica: Ainara López Conde, Ángela Tejada Seoane, Laura Rodríguez Parada, Antía Piñeiro Balvís, Iván Villarino Gómez, Roberto Rodríguez Afonso, Uxía Formoso Salgado, María Souto Limia, Kelly Domínguez Dacal e Adolfo Dacal Rodríguez.