É 1993 o primeiro ano completo no que as columnas de ‘Á marxe’ aparecen cada día na contraportada de La Voz de Galicia. Casares establece para entón a estrutura que dominará a maior parte das súas contribucións ao xornal: textos breves, de prosa case transparente, divididos en tres parágrafos e que serven xa como guía para o día a día do escritor.
Escribe Casares neste ano tanto da súa rutina semanal en Vilariño como das súas viaxes, profesionais ou familiares. A través das páxinas de Á marxe, 1993. Obra xornalística II (editada por Galaxia en 2005) o lector pode seguir ao autor nas súas vacacións en Suecia, da que escribe con admiración e cariño, deténdose na natureza e nos costumes dos seus cidadáns; ou nunha viaxe a Berlín que lle serve para facer un repaso pola historia do continente, da conferencia de Wannsee á estancia de Vicente Risco na cidade nos turbulentos anos trinta, da vida cultural -co jazz e Wagner como escusa- ao doloroso contraste entre a Alemaña occidental e a oriental que acaba de virse abaixo. A guerra de Bosnia, o apunte persoal ou mesmo as orellas de Carlos de Inglaterra serven a Casares para establecer cos lectores unha relación próxima e cálida que durará case un decenio.
Dixeron del
Alí estaba ‘A marxe’, orixinal, interesante, fornecendo ao lector unha fenda nova e insólita desde onde guichar o mundo. Iso non foi tarefa fácil. Manter unha columna é un reto do que saen triunfadores tan só aqueles escritores que teñen un mundo interior moi rico, ademais dunha perspectiva orixinal; e logo saben contalo para non decepcionar a parroquia.
Xavier Carro, escritor e xornalista
A relación é cotiá, case familiar, responde ao modelo que algunha vez teño denominado “columna de café”, calculada de xeito que poida ser lida no tempo xusto (e leve) que ocupa a mecánica de deitar o azucre na xícara e remexer coa culler, debruzados na barra do bar ou sentados na mesa do comedor da casa.
Víctor Freixanes, escritor e editor