É sabido que unha das cousas que máis lle gustaban a Carlos Casares era contar anécdotas divertidas, xa fora que lle sucederan a el ou das que el fora testemuña. Ou tamén que lle relataran e que logo enriquecía con algún punto de humor da súa colleita. Adoitaban nacer, estes feitos anómalos, de situacións absolutamente triviais que viraban de sentido en canto agromaba a burbulla da confusión. Daquela, un contexto tan normal como unha conversa de mostrador, unha noticia no xornal ou un paseo pola rúa remataban convertidas nunha situación absurda e divertida.

Casares deixou constancia na súa obra xornalística de varios casos que lle sucederon, e doutros fíxoo nas súas tertulias. Algún debeuse a unha brincadeira dos amigos, como aquel primeiro exemplar de Os escuros soños de Clio, aínda co calorciño do prelo, ao que o cambio dunha consoante no título convertía a portada nunha procacidade indigna do mercado editorial.

No seu arquivo persoal, agora en adiantado proceso de catalogación, Carlos Casares gardou este par de recortes de xornal que dan conta do éxito da súa novela Xoguetes para un tempo prohibido, merecedor do Premio de Novela de Editorial Galaxia, en 1975. É difícil explicar a comisión de ambos os dous erros, o título da obra e a imaxe do autor. Menos mal que apareceron en xornais diferentes.