Ana Luísa Amaral (Lisboa, 1956) é poeta e profesora de Literatura e Cultura Inglesa e Americana na Facultade de Letras da Universidade de Porto, onde forma parte, tamén, do consello de dirección do Instituto de Literatura Comparada Margarida Losa. Especializada en literatura norteamericana, ten traducido obra de Emily Dickinson (Amherst, Mass., 1830-1886) -sobre a súa poesía construíu a tese de doutoramento- e poemas de Eunice de Souza (Pune, India, 1940), John Updike (Reading, Penn., 1932-2009) e Xanana Gusmão (Timor Leste, 1946).

As súas áreas de investigación son as Poéticas Comparadas, os Estudos Feministas e máis os Estudos Queer (abordaxe multidisciplinar da comunidade de lesbianas, gays, bisexuais e transexuais, un área de recente agromar no mundo académico latino). É coautora, xunto con Ana Gabriela Macedo do Dicionário de Crítica Feminista (2005). Aparte de contar con varias publicacións académicas en Portugal e no estranxeiro, está representada en moitas antoloxías nacionais e internacionais e a súa obra foi traducida ao castelán, inglés, francés, alemán e búlgaro, tendo realizado lecturas dos seus poemas en Europa, América e Asia (China).

Como poeta, Amaral publicou unha ducia de títulos, ademais dun par de volumes de obra reunida. Minha Senhora de Quê? (1990) foi o seu primeiro poemario, reeditado en 1999. Entre a súa obra destacan títulos tan suxestivos como A Arte de ser Tigre (2003) ou Se Fosse um Intervalo (2009). Con A Génese do Amor (2005) gañou o Premio Literario Casino de Póvoa en 2007. Ese mesmo ano foi galardoada co Premio especial de Poesía  Giuseppe Acerbi. O libro Entre Dois Rios e Outras Noites (2007) valeulle, un ano máis tarde, o Grande Premio de Poesía de Associação Portuguesa de Escritores.

A súa amizade con Carlos Casares nace no Expreso da Literatura (2000), unha experiencia organizada pola UNESCO na que 80 escritores percorreron Europa durante mes e medio. Seguramente, a querencia de ambos pola literatura infantil tivo algo que ver, pois Ana Luísa Amaral ten feita a súa aportación ao xénero con Gaspar, o Dedo Diferente e Outras Histórias (1999) e mais A História da Aranha Leopoldina (2000).