A IV Edición da Festa da Palabra, celebrada na Insua dos Poetas de Celanova, tivo como obxectivo conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, e os 50 anos da publicación do seu libro Longa noite de pedra, para o que o escultor ourensán Manuel Penín creou unha obra inspirada no poema de Celso Emilio Ferreito ‘Irmaus’, que tamén figura ó pé da escultura na Insua.

Nesta ocasión, os galardoados cos premios Setecarballas da Insua dos Poetas, que se entregaron durante a Festa da Palabra foron o poeta Víctor Campio, en Litetatura; o pintor Alfonso Sucasas, a título póstumo, no apartado de Artes Plásticas; Antonio González, párroco de O Irixo, en Medio Ambiente (como recoñecemento ó seu apoio os veciños que loitan contra a incineradora que pretende instalar a Xunta no Irixo); a Asociación Ourensana de Hemofilia, en Acción Social; o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires no ámbito da Emigración; o xornal gratuíto De Luns a Venres, en Comunicación; e o Grupo Coren, no apartado de Cooperativismo.

No acto participaron distintas voces autorizadas sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro, como o seu biógrafo, Ramón Nicolás, que centrou o seu relato nos últimos días da vida do celanovés; e o académico Xesús Alonso Montero, que tras cualificalo como «a voz con máis corazón» pediu que a obra se traduza «aos 7.200 idiomas que aínda se falan nos cinco continentes». O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, amigo persoal de Celso Emilio dende a infancia, tamén tivo unhas palabras de recordo para o escritor de Celanova.