CULTURA_S_500_compr_43KB

 

Hai apenas un par de días saíu o número 500 do suplemento CULTURAS de La Voz de Galicia, pechando un amplo círculo que lle levou 10 anos construir. Hai un ano, máis ou menos, o suplemento homónimo de La Vanguardia cumpría tamén a súa 500ª edición. Os dous forman, xunto co suplemento cultural do ABC, que xa pasa dos 21 anos, o melloriño no escaparate da cultura debido a un intelixente uso da cor, unha esmerada maquetación e mais o manexable formato de revista, que os distínguen claramente de outros suplementos, tamén dignos pero diferentes.

No especial de 24 páxinas que marca a efeméride non queda leira por revisar nin feito cultural importante ou curioso por subliñar. De entre todo, salientamos o artigo de Ramón Nicolás (Dez anos de letras galegas); a entrevista de Olalla Fernández a Xosé Antonio Neira Cruz; o artigo de Miguel Anxo Fernández (O audiovisual na encrucillada); e, especialmente, a reportaxe de Xesús Fraga (As 10 promesas do s. XXI), que nos presenta dez potencias do noso futuro máis próximo. E por suposto, a guinda de Camilo Franco (Os anos gastados), sobre as artes escénicas.

Felicitamos aos artífices de CULTURAS, porque poden estar orgullosos do seu traballo; todos eles, os que comezaron a andaina e os que hoxe nos traen cada semana este agasallo para a vista. Vaian para eles e para elas os nosos parabéns agradecidos.