As homenaxes, exposicións, conferencias e actos sobre de Carlos Casares non rematan co paso do Día das Letras Galegas. Multitude de eventos seguen convocándose diariamente en toda Galicia para recordar a figura do escritor.

Entre as exposicións, ‘Os mundos de Carlos Casares’, impulsada pola Fundación e comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, segue o seu percorrido por Galicia. Inaugurouse o día 30 de maio en Santiago de Compostela, onde se poderá ver ata o 25 de xuño na sala Zona “C”, en Bonaval. Este percorrido pola vida e a obra do autor de Ilustrísima enriqueceuse este ano cun deseño expositivo novidoso, obra do estudo Creus e Carrasco, e conta con manuscritos, imaxes, pezas audiovisuais e obxectos persoais que axudan a comprender a dimensión do homenaxeado.

Outra mostra agora mesmo aberta é ‘As laranxas máis laranxas‘, froito da colaboración entre o Instituto de Ensino Secundario San Clemente, de Santiago de Compostela, e o CEIP de Sestelo-Baión, de Vilanova de Arousa. Ao chamado dos equipos de normalización lingüística de ambos os dous centros, os alumnos e alumnas realizaron ilustracións baseadas nas obras de Carlos Casares, portadas posibles para libros desde Vento ferido a Deus sentado nun sillón azul. A mostra pódese visitar nestes momentos no CEIP de Sestelo-Baión, e está previsto que se traslade a Compostela o mes que vén.

Nas últimas xornadas continuaron ademais os faladoiros e presentacións editoriais. O fillo máis novo do autor, Christian Casares, estivo onte no Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño), no centro educativo que leva o nome de seu pai. Tamén onte, o fillo maior, Hakan Casares, e o caricaturista e ensaísta Siro López falaron na Coruña de “Vivencias compartidas”, un repaso pola vida do escritor e amigo.