A chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade galega desata o enfrontamento entre o bando máis intransixente do clero, apoiado polas profecías apocalípticas dunha monxa coa aparente capacidade para levitar, e o talante aperturista do bispo, un home tan devoto como amante dos praceres terreais e do trato coa xente do común.
Ilustrísima, publicada pola Editorial Galaxia en 1980, é unha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, un texto contra a violencia e o fanatismo do que se poden trazar desgraciados paralelismos coa actualidade. Escrita cunha prosa sinxela pero traballada, case transparente, deixa para a historia personaxes inesquecibles coma o do bispo comellón e tolerante, posuidor dunha mirada chea de compaixón e bondade que non comparten os seus subordinados.
É, ademais, unha homenaxe ao cine como ventá pola que entrou o aire fresco nunha época de moralidade abafante.
Dixeron del
“Unha declaración de amor polo cine”
Miguel Anxo Fernández, crítico de cine.
“Uno de esos textos claves y fundamentales, esenciales y sintéticos, de una literatura nacional, como lo es ‘El viejo y el mar ‘para la literatura angloamericana, ‘Le petit prince’ para la francesa o como lo fue en cierto momento ‘Platero y yo’ para la literatura castellana”.
José María Paz Gago. Catedrático de Literatura da UDC. Encontros en Verines, 2002.
“O protagonismo da curia eclesiástica, dividida e enfrontada por cuestións ideolóxicas e morais que condicionan a interpretación do Evanxeo, e mais o seu inquiridor ascendente sobre aquela sociedade provinciana; o cinematógrafo como fonte de coñecemento e liberdade que traza a fronteira entre o pensamento conservador -intolerante- e o liberal -transixente- que se adapta á contorna dos novos tempos exento de fanatismos censuradores […]”
Mercedes Queixas Zas. Escritora.