O día 20 de xullo a exposición “Galicia escandinava. O camiño do oeste a Santiago de Compostela” desembarcou en Catoira. Na inauguración estiveron presentes diversos representantes do Concello de Catoira, o fillo de Carlos Casares e o comisario da exposición, Gustavo A. Garrido.

De esquerda a dereita: Javier César Costoya (concelleiro de Obras), Daniel Touriño (concelleiro de Cultura), Gustavo A. Garrido (comisario da exposición), Alberto García García (alcalde de Catoira), Håkan Casares, Iván Caamaño (concelleiro) e Estefanía Frieiro Rey (concelleira)

Durante a inauguración salientouse a excelente oportunidade de que a exposición visitase o concello, especialmente neste ano en que os grandes eventos culturais e turísticos están suspendidos debido á crise sanitaria. Ao mesmo tempo Håkan Casares e o alcalde de Catoira, Alberto García García, recordaron o cariño que Carlos Casares e Kristina Berg tiñan con este concello, onde os dous leron en distintos anos os bandos das festas. O fillo do escritor ourensán leu un pequeno fragmento do bando de Casares.

A exposición, que forma parte do programa O teu Xacobeo, estará aberta de luns a venres, de 9.00 a 14.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. Así mesmo, amplíase o período de apertura ata o día 8 de agosto, para que poida ser visitada por un maior número de persoas. Recordámoslles aos visitantes que no noso sitio web teñen dispoñible información moi completa sobre a exposición “Galicia escandinava” en galego, castelán e inglés, con accesibilidade para persoas con dificultade para a lectura e con dous modelos de guías didácticas “Busca-busca” para nenos e nenas entre 6 e 9 anos e entre 10 e 15 anos.