Durante o acto de inauguración oficial dos IX Encontros de Mondariz-Balneario, a presidenta da Fundación Carlos Casares tivo unhas palabras de  recordo para os galeguistas históricos.  Compartiu a mesa mesa presidencial do acto co director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia, Francisco López Rodríguez; a deputada provincial Marta Iglesias, o alcalde de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo; e o presidente do Consello e Administración de Balneario de Mondariz, don Javier Solano Rodríguez-Losada.

A continuación ofrecemos o texto íntegro da intervención de Kristina Berg:

“Inauguramos hoxe os IX Encontros de Mondariz-Balneario. Un  ano máis, reunímonos ao redor dunha mesa para reflexionar sobre asuntos importantes que, dunha maneira ou doutra, afectan as nosas vidas. Non o facemos  -nunca o fixemos-  coa intención de resolver estes asuntos de relevancia, dando receitas milagrosas ou marcando vías ineludibles. A nosa intención é escoitar, debater e pensar, libre e cordialmente, e saír máis sabios do que entramos.

Nas circunstancias actuais, este labor de reflexión serena e libre é máis necesaria ca nunca. Desde a nosa Fundación non deixaremos de potenciar ese achegamento á realidade, pois coidamos que é unha maneira de traballar pola idea de galeguismo que Carlos Casares mantiña.

Non son tempos bos. Bótase en falta a visión estratéxica e a xenerosidade das persoas que mantiveron acesa a chama do galeguismo e que forxaron unha Galicia cun pulo que nunca antes tivo. Botamos en falta a visión daquelas figuras que, como Marino Dónega, Xaime Isla, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell, miraron sempre de fronte ao futuro e avanzaron, cordialmente, pero de xeito decidido.

Antes de rematar quero expresarlle o noso agradecemento aos patrocinadores: Xunta de Galicia; Deputación de Pontevedra; Obra Social Novacaixagalicia; a colaboración inestimable do Concello de Mondariz-Balneario, do Balneario de Mondariz e mais do Consorcio da Zona Franca de Vigo.  A todos eles, e tamén a todos vós, moitas grazas.”