Baixo o título Humanización e novas tecnoloxías. A Sociedade do Coñecemento alén da crise, os IX Encontros de Mondariz-Balneario permitiron, entre o 18 e o 20 de outubro, a reunión dun escollido grupo de especialistas que reflexionaron sobre o tema e debatiron cos asistentes, unha trintena de profesionais dos mundo académico, empresarial e xornalístico.
O martes 18, Darío Villanueva abríu os Encontros coa conferencia inaugural: “Lectura e nativos dixitais”, onde tracexou a formación do concepto (Prensky) desde as iniciais aproximacións de McLuhan (‘nenos televisivos’) e Negroponte (‘nenos dixitais’). Sobre a situación do libro face o panorama dixital, non se mostrou preocupado pois “hai zonas do planeta que aínda se están incorporando á cultura Gutenberg”. “O preocupante -engadiu- é que a fenda dixital, o digital devide, se manifeste entre xeracións e se perdan significados compartidos”. Villanueva insistiu en que estamos nunha realidade de convivencia, onde o fast food convive coa alta gastronomía; a radio co audiovisual; e o libro en papel co libro electrónico.
A sesión vespertina correu a cargo do filósofo Javier Echeverría, que incidiu na existencia de comunidades de coñecemento (CCs), que se diferencian entre si segundo o tipo de comunidade pero tamén polo tipo de coñecemento que cultiven. Despois de analizar as CCs canónicas (as lingüísticas e as científicas) demostrou como delas poden xurdir estruturas máis complexas tanto sociedades como ciudades do coñecemento ou epistemópolis, que se caracterizan por ter un espazo público (ágora), onde se debaten coñecementos e incluso políticas públicas de coñecemento.
O día 19 de outubro, Haizam Amirah, investigador do Real Instituto Elcano, sinalou que os tópicos do mundo árabe alimentados polos medios de información foron modificados por Al Jazeera a partir do seu nacemento. Hoxe en día, as redes sociais e a mensaxería instantánea permitiron ir máis alá da información dos medios, conseguindo tamén visibilizar as accións de protesta. Esta nova concepción social busca solucións colectivas a problemas comúns actuando de forma voluntaria, sen consignas e inicialmente de forma pacífica.
Pola tarde realizouse un faladoiro aberto entre os asistentes, coa preseza na mesa de Lois Rodríguez Andrade, Luís Cuntín e Hakan Casares, que reflexionaron sobre algúns aspectos da revolución nas comunicacións e os cambios de poder que se están a producir polo uso das novas ferramentas tecnolóxicas entre a xente nova, especialmente no uso da internet e as redes sociais mediante telefonía móbil. Aínda que as estatísticas actuais mostran tendencias claras, será preciso baixar á rúa para valorar realmente a profundidade e o significado dos novos usos, segundo as opinións máis recurrentes da tertulia.
A sesión pública da tarde do mércores, correu a cargo do presidente do Sindicato Nacional de Prensa de Marrocos, Younes M´Jahed , quen fixo un repaso sobre a manipulación que os medios de comunicación realizaron nas distintas revolucións, non só na outra beira do Mediterráneo, e alertou sobre o perigo do integrismo islámico nos procesos democráticos que comezan a desenvolverse nestes momentos de transición para moitos países de cultura musulmana.
O xoves 20 de outubro, día do remate dos Encontros, celebrouse a única sesión dobre iniciada por Enrique Dans, a quen seguiu Domingo Docampo. Dans comentou que se as empresas usasen o mesmo márketing que se emprega nas eleccións lexislativas a xente non mercaría nada: “cando se ofrece un produto máis intuitivo e con mellores prestacións (iPod, Wikipedia, tabletas electrónicas…), a xente acaba asumíndoo de xeito irreversible. Eses produtos significan unha disrupción e sofren reaccións na súa contra que nunca proveñen do mercado que crean. Na política sucede o mesmo, pero no canto de asumir a disrupción, segue a enviarse a mesma mensaxe a través dunha nova ferramenta”. Pola súa parte, Domingo Docampo chamou a atención sobre a importancia da lectura por riba do soporte. “Cando a xente se acostume a ler no libro dixital rematará a polémica, por outra parte, bastante interesada”. Apuntou tamén a estratexia do mercado dixital, no que adoita ofrecerse algo de balde pero con versións avanzadas de pagamento, e reflexionou sobre a facilidade de negocio das empresas que administran os canais de comuncicaión por riba dos xeradores de contido.