O Congreso dos Deputados aprobou o pasado día 1 de xuño unha proposición non de lei coa que se busca crear un Día das Linguas Ibéricas, unha idea promovida pola Asociación Española de Casas-Museo y Fundaciones de Escritores, da que forma parte a Fundación Carlos Casares

A proposición non de lei foi presentada en marzo polo Grupo Parlamentario Popular, e saíu adiante na Comisión de Cultura do Congreso do día 1 de xuño por unanimidade e incluíndo enmendas doutros grupos, entre eles de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea. Na súa redacción, os deputados instan ao Goberno a acordar co Goberno de Portugal, a Real Academia Española, a Real Academia Galega, o Institut d’Estudis Catalans, a Real Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzaindia, a Academia Valenciana de la Llengua, a Academia Aranesa dera Lengua Occitana e a Academia das Ciências de Lisboa a celebración de dito Día das Linguas Ibéricas. O obxectivo é lograr a difusión das distintas linguas peninsulares e o traballo dos escritores que as empregan, “como patrimonio cultura, social e lingüístico”.

Tamén se reclama do Goberno que siga “cumprindo as disposicións establecidas na Carta Europea das Linguas Minoritarias e o tratado europeo ratificado por España en 2001 en relación ao impulso das linguas cooficiais do Estado” na xustiza, a educación, no ámbito da comunicacióni de masas e dentro da propia Administración Xeral do estado.

Vídeo do debate