Dende hai un par de semanas está dispoñible nas librerías o volume que recompila todos os contos e relatos de Carlos Casares, verquidos ao castelán, grazas á editorial Libros del Silencio. O libro, Narrativa breve completa, formado tras un intenso labor de revisión de publicacións de diverso tipo, tanto extemporáneas como periódicas, vén cun lúcido e cariñoso prólogo de Juan Cruz, bo amigo do escritor, que facilita ao lector non galego a inmersión nesta parte da obra casariana.
As traducións dos textos son do propio Casares e mais de Xesús Rábade Paredes, agrupándose en tres seccións diferenciadas: “El juego de la guerra y otros cuentos”, autotradución inédita de Vento ferido á que se engaden cinco contos novos; “Los oscuros sueños de Clío”, tradución actualizada de Rábade Paredes, que xa fixera a de Alfaguara en 1984; e “Relatos dispersos”, que recolle todos os relatos que Casares escribiu dende 1965 ata o ano 2000 en diferentes xornais, revistas e publicacións esporádicas.
A publicación deste volume supón unha máis das homenaxes que se están a levar a cabo durante 2012, cando se cumpre o décimo aniversario do pasamento do escritor. Certamente reviste unha importancia especial para a transcendencia da obra casariana no mundo hispánico, polo que agradecemos a iniciativa da editorial Libros del Silencio e o seu anovado compromiso.