A figura de Carlos Casares será homenaxeada a través de múltiples certames literarios organizados ao longo do país nas próximas semanas. Asociacións culturais e cívicas, escolas, institutos e institucións promoven nestes días eventos deste tipo arredor do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Un exemplo é o premio que outorgarán o IES Afonso X O Sabio, de Cambre, e a ANPA Castelao deste centro, que buscan animar deste xeito aos mozos e mozas de ESO e Bacharelato a se expresaren por escrito en galego. Poden concorrer cunha única obra que xire en torno ao motivo literario do tren, un tema tan querido polo escritor de Xinzo, en textos dunha extensión máxima de tres folios. O xurado premiará tres categorías: 1º e 2º da ESO, 3º e 4º da ESO e Bacharelato. Os gañadores de cada unha das categorías recibirán un cheque agasallo de 150€
Máis enfocado cara á creación literaria está o Certame de Relatos Curtos en Galego que organiza a Federación de Asociacións de Mulleres Anaral. A el poden concorrer textos de temática libre, mais valoraranse aqueles que mencionen a figura de Carlos Casares. Os traballos deben ter unha extensión mínima dun folio e unha máxima de cinco, e deben entregarse antes das 14.30 horas do 28 de abril nas oficinas da Federación, nas Asociacións de Mulleres ou nos centros educativos da Pobra de Trives, Manzaneda, San Xoán de Río, Castro Caldelas e Viana do Bolo listados nas bases da convocatoria. Haberá premios nas categorías de menores de 12 anos, de 13 a 17 anos e a partir dos 18, consistentes en bonos para mercar libros por 50, 70 e 100€ respectivamente.