O museo de Serralves e a Fundação da Associação de Empresarios de Portugal (FAEP) acolleron durante os pasados días 15 e 16 de decembro unha reunión transnacional do proxecto europeo Erasmus+ “ALLURE” (Alfabetización Liberadora: accesibilidade Universal en Recursos culturais para a Educación permanente), da que forma parte a Fundación Carlos Casares. O proxecto, composto por un equipo de profesionais multidisciplinares de Islandia, Portugal, España e Polonia, ten por finalidade coñecer a realidade da cultura en Europa desde a óptica da inclusión e a accesibilidade cultural, os retos que enfrontan e as posibles solucións a estes retos, produto do cal resultará unha aplicación informática para xerar información cultural inclusiva, un completo informe e unha guía metodolóxica e de orientacións.

SERRALVES, LABORATORIO DE IDEAS

Este proxecto oriéntase en conseguir o acceso dos diversos colectivos en risco de exclusión (persoas con discapacidade, colectivos migrantes, terceira idade, etc.) a todo tipo de actividades e recursos culturais como unha fonte de educación, tanto formal como non formal e informal. O equipo de traballo de ALLURE integra diferentes perspectivas, desde as institucións rexionais e locais ás industrias, empresas e pequenas iniciativas culturais, sen descoidar os esforzos no ámbito da investigación e desenvolvemento para minorar a fenda dixital e utilizar a tecnoloxía como un recurso privilexiado na innovación cultural para a cidadanía.

Nesta ocasión a Fundação da Associação de Empresarios de Portugal (AEP), en colaboración co Museo Serralves de Porto, desenvolveron un programa de “Design Thinking”, un laboratorio de ideas e deseño de prototipos para mellorar a accesibilidade a espazos culturais. Durante unha xornada, o museo Serralves converteuse nun espazo de observación e experimentación. Mediante entrevistas, interactuación e recollida de datos, creouse unha base de datos de ideas e propostas que foron tratadas polos grupos de traballo, que xeraron 3 prototipos: dúas aplicacións telefónicas (unha como guía interactiva e personalizable, e outra para xerar información inclusiva para colectivos minorizados) e un prototipo de bancos de descanso que se converten tamén en puntos informativos e mesmo de espazo creativo para os nenos e nenas que visitan o museo.

INFORMACIÓN CULTURAL ACCESIBLE

ALLURE conta xa cunha ferramenta para que os organizadores de eventos ou programacións en espazos culturais poidan xerar información completa, sinxela e accesible para as persoas usuarias con distintos niveis de accesibilidade. Chamado CIMA (Cultural Information Made Accesible), a webapp pode utilizarse de balde no sitio web do proxecto (www.allureculture.eu/cima) e permite controlar todos os datos que se proporcionen sobre a actividade ou recurso cultural, traducido ademais a 7 idiomas e que conta con pictogramas, lectura sinxela, audiodescrición e moitos outros recursos.