DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA E INTERVENCIÓN: AS POLÍTICAS DA DIVERSIDADE E A DIVERSIDADE DAS POLÍTICAS

Vigo, 16 – 17 decembro 2005

Os ‘Diálogos sobre linguas e sociedades’ xorden co obxectivo de crear un foro de reflexión e de debate aberto sobre todo tipo de cuestións derivadas da complexa imbricación entre as linguas e os grupos humanos nas sociedades actuais. Preténdese con eles dar cabida a puntos de vista diversos que axuden a entender, conceptualizar e responder aos desafíos lingüísticos das sociedades e aos problemas sociais das linguas.

Para a primeira edición dos Diálogos propúxose un debate ao redor de dous eixes principais: a diversidade lingüística e as políticas de intervención sobre a dita diversidade. Por unha banda, reflexionouse sobre os escenarios mundiais da diversidade lingüística, así como sobre os factores sociopolíticos, económicos e lingüísticos que están a poñer en risco o futuro e a rendibilidade de moitas linguas. A pertinencia dos argumentos manexados da defensa e promoción da diversidade ou as derivas lingüísticas das institucións europeas e mundiais, e das organizacións internacionais; e por outra banda, as posibilidades de intervención sociolingüísticas, así como os riscos e as posibles limitacións das ditas intervencións dende a perspectiva social e política.

Lugares e datas:
Venres 16 de decembro: Universidade de Vigo; Edificio Miralles, sala 1.
Sábado 17 de decembro: Fundación Carlos Casares (Rúa Elduayen nº 36, 2º; Vigo).

Coordinación:
Anxo M. Lorenzo e Håkan Casares Berg.

Organización:
Fundación Carlos Casares coa colaboración da Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo.

Os participantes:

Abram de Swann
Catedrático de Socioloxía da Universidade de Amsterdam. É presidente da Escola de Amsterdam de Investigacións en Ciencias Sociais e membro da Academia Real Neerlandesa das Ciencias. Pertence ao consello científico das revistas Critique Internationale, Language Problems and Language Planning e Language Policy e publicou os libros The emergent world system of languages (1993) e Words of the world. The world language system (2001).

Joan A. Argenter
Catedrático de Lingüística Xeral da Universitat Autónoma de Barcelona. Actualmente é director da Cátedra UNESCO de Linguas e Educación en Barcelona. Membro numerario da Secció Filológica do Institut d’Estudis Catalans, da que foi director entre 1995 e 2002. Coeditor do libro Endangered languages and linguistic rights. On the margin of nations (2004).

Francisco Moreno
Catedrático de Lingua Española da Universidad de Alcalá de Henares. Foi director do Instituto Cervantes de São Paulo e de Chicago. É autor, entre outros, dos libros Principios de sociolingüística y sociología del lenguaje (1998) e de Historia social de las lenguas de España (2005).

Francisco García Marcos
Catedrático de Lingüística Xeral da Universidad de Almería. É autor de Fundamentos críticos de sociolingüística (1999), Sociolingüística e inmigración (2003), e La divinidad políglota. Lenguaje, evolución y poder (2005).

Mauro A. Fernández
Catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña. Foi director do Instituto Cervantes en Manila (1998-2002). Actualmente dirixe o Centro de Linguas da Universidade da Coruña. É autor de Diglossia, A Comprehensive Bibliography 1960-1990 (1993).

Henrique Monteagudo
Profesor titular de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Secretario do Consello da Cultura Galega e codirector da revista galega de pensamento Grial. É autor, entre outras, da obra Historia social da lingua galega (1999).

PROGRAMA:

16 DECEMBRO, VENRES:

9.30: Acto de apertura.

10.00: Abram de Swaan: Unha ollada sobre o estado da diversidade lingüística no planeta.

12.00: Joan A. Argenter: A diversidade lingüística: datos, discursos e políticas.

16.00: Mauro A. Fernández: Argumentos e contraargumentos sobre a diversidade lingüística.

18.00: Francisco Moreno: Imperialismo lingüístico.

17 DECEMBRO, SÁBADO:

10.00: Francisco García Marcos: O feito lingüístico e os outros dereitos humanos.

12.00: Henrique Monteagudo: Estandarización vs. diversidade? Un dilema das linguas minorizadas.

14.00: Acto de clausura.