Daniel Soutullo e Aitziber Emaldi, presentados por Gustavo Adolfo Garrido

Coa intervención de Daniel Soutullo e mais de Aitziber Emaldi, onte mércores, abordáronse os aspectos técnicos e xurídicos da clonación. O profesor Soutullo, no seu relatorio A clonación non reprodutiva e a investigación con células troncais humanas, explicou detalladamente os procesos de obtención dun embrión e definiu os diferentes tipos de células ás que podía dar orixe. Con certa frecuencia a utilización lixeira de términos técnicos de certa novidade induce a erros importantes no debate público; deste xeito a definición de célula troncal, nas súas variantes embrionaria e adulta, así como das propiedades das células (pluripotencia, totipotencia, etc.) resulta imprescindible en temas desta transcencencia.

Referiuse, despois, aos fins da clonación non reproductiva: o que procura material para a investigación e a experimentación (non terapeutico), e o que pretende tratamento dunha doenza determinada (terapéutico). Rematou cunha completa exposición sobre as células iPS (induced Pluripotent Stem Cells) ou células reprogramadas, de recente achádego, que son células embrionarias obtidas a partir de células somáticas mediante a manipulación dunha serie de xenes

A doutora Aitziber Emaldi, da Universidade de Deusto, encarou o tema Aspectos xurídicos da clonación e da investigación con embrións, debullando a urdime legal que rodea á investigación biomédica, dende o Convenio do Consello de Europa sobre Biomedicina (1997 – 2000) ás leis e decretos que constituen a normativa española correspondente. Foi especialmente ilustrativa a referencia aos problemas xurídicos que presentan as células iPS (manipulación xenética de liña xerminal) e o requintado eufemismo utilizado polos xuristas para non chamar clonación á clonación: “Activación de ovocitos mediante transferencia nuclear”.