O nacemento nun limoeiro dunhas enormes laranxas que estoupan cando se lles toca reúne a toda unha colección de veciños estraños e dá pé a un rosario de situacións absurdas e hilarantes. Debedora do surrealismo e mesmo do cinema humorístico dos primeiros tempos, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas é unha pequena peza dramática desbordante de alegría, que Carlos Casares escribiu a principios dos setenta e se converteu pronto nun clásico do teatro infantil.
Polo escenario de As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas pasan personaxes ben particulares: unha muller que todo o sabe, un gordo obsesionado coa tortilla, un home con escopeta, un ovo xigante que fala… provocando todo tipo de equívocos e de situación imposibles. O texto gañou o Concurso de Textos Teatrais O Facho en 1973 e editouse con ilustracións orixinais de Luís Seoane que enriquecen o seu universo cómico.
Dixeron del
Tremendamente áxil, cun ritmo vertixinoso que nos introduce velozmente nas divertidas e escuras entrañas do absurdo. A incontinente comicidade do absurdo e do ridículo estoupa de forma espectacular, creando situacións desbordantes que son o auténtico motor da obra.
Fran Alonso