A descuberta do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal nos días posteriores ao levantamento de xullo de 1936 desencadea unha investigación que desvela o clima de enfrontamento que medra desde hai anos nunha pequena vila galega. A rivalidade entre as forzas progresistas, representadas polo mesmo boticario e un sindicalista ao que se busca en relación co suceso; e as reaccionarias, encabezadas polo propietario da fábrica local e o cura da parroquia, vaise debuxando a través das páxinas do informe do investigador do caso.
Os mortos daquel verán é unha novela curta na que se parodia a fría e en ocasións revirada prosa funcionarial, un estilo no que moitas veces, con todo, se distinguen todo o humanismo e o humorismo propios de Carlos Casares. O texto relata a deterioración da convivencia nunha comunidade, que desemboca en sucesos estarrecedores, folgas, ameazas, actos sacrílegos, milagres de escasa credibilidade, mortes que quedarán sen resolver e, no fondo, a escura trama de relacións que se dan nunha vila tipo da Galicia de principios do século XX.
Galaxia publicou en 1987 Os mortos daquel verán, editada en castelán no mesmo ano por Alfaguara en tradución do propio autor.
Dixeron del
“Escrita nun rexistro innovador, a linguaxe procesal típica do funcionario, e cunha orixinal estrutura -a novela consiste nos dez informes que ese funcionario remite á autoridade- representa unha clara mostra da que é unha constante na súa narrativa, a continua renovación formal e técnica“.
Pedro Hernández. Grial, 1995