A vida do Padre Sarmiento é un repaso pola existencia do ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento, pensador adiantado ao seu tempo e precursor da defensa de Galicia, o seu idioma e a súa xente. Galaxia editou o volume en 2001, o ano previo a que o Día das Letras se lle dedicase ao frade pontevedrés.
Casares bota man en boa parte da propia testemuña escrita de Sarmiento e conta a súa vida, primeiro de neno en Pontevedra, e máis tarde de reclusión e estudo en Madrid, con varias etapas docentes en León ou Asturias. O libro documenta ademais as tres viaxes que Sarmiento fixo a Galicia, que espertaron nel a curiosidade polo estudo do idioma galego e da socioloxía do país.
O humorismo, sempre presente na obra de Carlos Casares, cóase con frecuencia nas páxinas de A vida do Padre Sarmiento. Faino moitas veces vestido dun realismo case máxico, no que conviven burros que se chaman Don Julio, presuntos expertos en fabricación de ouro ou médicos chineses que non son nin médicos nin chineses. A experiencia de Sarmiento coa lingua galega, a única que utilizou nos primeiros anos da súa vida, serve de fío para comprender a defensa que dela fará nos seus escritos o frade, que publicou tamén traballos sobre botánica ou historia e que foi un adiantado ao seu tempo na protección dos máis débiles, da muller ou dos avances tecnolóxicos aplicados á agricultura.