Axenda

Nov
16
Xov
Encontros de Carlos Casares no Consello da Cultura Galega @ Consello da Cultura Galega
Nov 16 – Nov 17 all-day

Seguindo o ronsel das Xornadas sobre Carlos Casares en Ourense e Vigo, e como acto central do mes dedicado ao Simposio Carlos Casares, con remate na Real Academia Galega, do 21 ao 23 de novembro, nestes encontros tratarase o tema do Casares intelectual e institucional.

Unha ollada atenta á historia galega das últimas décadas do século XX revela que Carlos Casares foi moito máis ca un creador e, por esa razón, o Consello da Cultura Galega -institución que presidiu entre 1996 e 2002- quere poñer o foco na súa faceta pública coma escritor e coma intelectual. Neste encontro analízase o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición e da nacente Galicia autonómica, así como a súa actividade como difusor das letras galegas no exterior e o seu firme compromiso co afortalamento dun sistema literario maduro, autónomo e de calidade.

Nas diferentes sesións contextualizaranse na historia das últimas décadas o seu labor político, a súa obra xornalística e o seu compromiso cun xornalismo independente ao servizo do público lector. Tamén se afondará, os días 16 e 17 de novembro, nas súas relacións amicais, institucionais e editoriais con outras literaturas e na importancia que para o Casares creador e editor tivo a tradución entendida non só como canle de exportación e importación de textos e senón tamén como ponte de comunicación intercultural.

Pode descargarse o programa NESTA LIGAZÓN

Nov
20
Lun
XX Xornadas de Cultura Galega de Granada, dedicadas a Carlos Casares @ Universidade de Granada - Facultade de Filosofía e Letras
Nov 20 @ 3:30 PM – 7:30 PM

O Centro de Estudos Galegos é froito dun convenio asinado en 1998 entre a Universidad de Granada e la Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Naceu co propósito de estudar e divulgar o universo cultural de Galicia e establecer lazos de unión entre as culturas andaluza e galega. Durante este tempo, impartíronse conferencias sobre lingua, literatura, música, arte, así como conciertos e exposicións fotográficas. Coas XX Xornadas de Cultura Galega, el Centro de Estudos Galegos quere dar a coñecer á Universidade de Granada e ao público en xeral as últimas investigacións en lingüística galega, así como a figura do homenaxeado este ano coas Letras Galegas 2017.

A tal fin, nas xornadas participarán Anxo Tarrío (“Día das Letras Galegas 2017: Carlos Casares”); Armando Requeixo (“Carlos Casares: textos e contextos”); Eduardo Lopez Pereira (“Carlos Casares, humanista e tradutor”); e Luis Alonso Girgado (“A narrativa de Carlos Casares. Tres referencias”).

Enlace: Tríptico das XX Xornadas de Cultura Galega

Nov
21
Mar
Simposio Carlos Casares na Real Academia Galega @ Real Academia Galega
Nov 21 – Nov 23 all-day

Co Simposio Carlos Casares concluirá un mes de análise do legado do autor que arrincou os días 9 e 10 en Ourense e Vigo e continuou, os días 16 e 17, no Consello da Cultura Galega -institución da que foi presidente- abordando a súa dimensión de intelectual público.

Dos anos de mocidade en Santiago á vida como escritura
O Simposio Carlos Casares -organizado co apoio da Consellería de Cultura- afondará en distintos aspectos da narrativa, o ensaio e o articulismo que cultivou o autor, facendo fincapé tanto nas características da súa escrita como nas súas reflexións sobre como debía ser esta. O académico de honra Arcadio López-Casanova pronunciará o martes 21 de novembro a conferencia inaugural, “Carlos Casares en Compostela: formación, compromiso e manifestación”, dedicada precisamente a aqueles anos compartidos como universitarios. A académica Fina Casalderrey moderará deseguido a mesa redonda sobre a teima de Carlos Casares pola procura de novos públicos lectores para a literatura galega. O escritor e profesor da Universidade de Vigo Manuel Santiago Fernández Álvarez -Manuel Forcadela- participará cunha intervención titulada “Carlos Casares e o moralismo equidistante”, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Montse Pena, exporá “Enxeñar un mundo posible: Casares e a reinvención da literatura infantil e xuvenil (1986-2002)”, e o profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza, “Carlos Casares e a cortesía co lector”.

O mércores 22 de novembro o académico correspondente Francisco Xavier Carro Rosende abrirá a tarde co relatorio “Polos buratos da memoria”. “Casares de onte a hoxe” é o título da mesa redonda que terá lugar a continuación con achegas de catro escritores: a académica Marilar Aleixandre (“Carlos o fabulador e a fábula de Casares”), o director xeral de Galaxia, Francisco Castro (“Carlos Casares, todo era verdade”), Antón Riveiro Coello (“O difícil xogo das transparencias”) e María López Sández (“A escrita de Carlos Casares: unha poética da descrición literaria”).

O xoves 23 o programa centrarase no Casares articulista, ensaísta e lector e rematará coa conferencia do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, “Carlos Casares, a sedución da palabra”. Previamente, nunha mesa moderada polo ex-decano do Colexio de Xornalistas Xosé Manuel Pereiro, a escritora, articulista e profesora da ESAD Inma López Silva deterase no feminismo e na igualdade no Casares xornalista, o periodista e escritor Ramón Loureiro ofrecerá unha intervención titulada “Carlos Casares: a vida como escritura”, e o tamén escritor Álex Alonso, “Casares e o vento de Clío: ficción, historia e metahistoria”.

Inscrición gratuíta
A inscrición no Simposio Carlos Casares é gratuíta e pode formalizarse antes do 21 de novembro no correo electrónico secretaria@academia.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico, teléfono e datos profesionais. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia.

Pode descargar o programa do Simposio Carlos Casares  NESTA LIGAZÓN.

Nov
23
Xov
“Xardín Desordenado” canta a Carlos Casares @ Recibidor do 6º edificio do Museo de Pontevedra
Nov 23 @ 8:00 PM – 9:30 PM

O vindeiro xoves 23 de novembro, o amplo recibidor do Sexto Edificio, que forma parte do Museo de Pontevedra, acollerá un concerto de “Xardín desordenado“, versionando poemas e relatos  de Carlos Casares, musicados con ritmos sorprendentes e novidosos que combinan as historias da literatura casariana coa música galega e universal de xeito magnífico.

Este concerto se engloba dentro dos actos que o Concello de Pontevedra organiza ao redor da exposición “Os mundos de Carlos Casares” na cidade, e que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Concello de Xinzo de Limia, entre outras institucións.

 

Nov
29
Mér
“Os mundos de Carlos Casares” en Lugo @ Museo Interactivo da Historia de Lugo
Nov 29 – Dec 26 all-day

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acolle do 29 de novembro ao 26 de decembro a exposición principal das Letras Galegas 2017 dedicada a Carlos Casares (1941-2002), na que se fai un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, atendendo ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes. A inauguración terá lugar ás 19 h no edificio Sarmiento.

Está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva do estudo coruñés Creus e Carrasco.

Organízase a través de cinco etapas nas que se expoñen imaxes de referencia, obxectos e textos. A primeira etapa, “Paisaxes”, recolle desde os primeiros anos en Xinzo ata a saída do Seminario Menor de Ourense. Os lugares da infancia, os amigos, os comezos literarios, o contacto con Antón Tovar, Vicente Risco e os artistas, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Buciños, etc.

A segunda etapa, “Luzadas”, achéganos á etapa universitaria, o mundo compostelán, a loita estudantil, os primeiros pasos de profesor en Ourense, Viana do Bolo e Bilbao. É unha etapa con trasfondo político e literario (ADE, FeLiPE, a conquista do SEU, o contacto con Ramón Piñeiro, o Concilio Vaticano II, Raimon en Compostela…).

A terceira etapa, “A viaxe”, está protagonizada primeiramente por Kristina Berg e a inmersión na sociedade sueca. Relata as primeiras viaxes do escritor galego por Europa. Os inicios do xornalismo literario, o abrazo socialdemócrata, a entrada na Real Academia Galega e a súa madurez literaria xunto cos seus galardóns por obras como Xoguetes para un tempo prohibido ou Ilustrísima.

A cuarta etapa, “Conviña”, descóbrenos a época do compromiso político no Parlamento galego; os inicios da plasmación do programa de Ramón Piñeiro. A consolidación dun escritor e o nacemento dun editor. A viaxe á URSS e o papel de mediador cultural da literatura galega.

Por último, a quinta etapa, “O redondel”, recolle a madurez dun novelista e a conquista da popularidade no xornalismo literario; a presidencia do Consello da Cultura Galega e a participación en cenáculos e fundacións españolas; o traballo na Academia, o impulso da Arte Contemporánea, o Teatro e o Audiovisual. A viaxe no Expreso da Literatura e a partida final.

Dec
7
Xov
“O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares” @ Museo Galego do Entroido
Dec 7 – Dec 26 all-day

Inicialmente a exposición sobre a colección da obra O Principiño estaba incluída na exposición de maior tamaño titulada “Os mundos de Carlos Casares”. A súa magnitude e importancia supuxeron a súa separación noutra chamada “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”. Esta exposición forma parte da colección privada do escritor que, dende principios dos anos 70, comezou a traducir a mencionada obra ao galego para a editorial Galaxia. A súa afección polo libro de Antoine de Saint-Exupéry moveuno a coleccionar O Principiño en todas as linguas do mundo. No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da Península Ibérica (galego, portugués, castelán, vasco e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70.

“O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares” é unha exposición didáctica para público miúdo e adulto. Recolle máis de 100 edicións do libro de Saint-Exupéry, en máis de 60 idiomas e dialectos do mundo. Así mesmo, a exposición consta tamén de 4 paneis informativos de 2,20 m de alto e 1 tótem introdutorio. Os paneis céntranse na biografía do autor, nunha descrición e análise da novela, da experiencia vital de Carlos Casares e da súa obra infantil.

Dec
11
Lun
Presentación do libro “Carlos Casares no Parlamento de Galicia” @ Parlamento de Galicia
Dec 11 @ 12:30 PM – 1:15 PM

O Parlamento de Galicia presentará o libro Carlos Casares no Parlamento de Galicia, un pequeno volume no que se recollen as actuacións do escritor ourensán na súa faceta de político durante a I Lexislatura da institución. No acto, que se desenvolverá na sede do Parlamento, estarán presentes o presidente da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira, e contará coa intervención de Miguel Barros Puente (deputado e compañeiro de Casares na I Lexislatura), Henrique Monteagudo (secretario da Real Academia Galega e autor do estudo introdutorio do libro); e Hakan Casares en representación da Fundación Carlos Casares.

Dec
14
Xov
Roteiro Carlos Casares na cidade de Vigo @ Antiga sede de Galaxia
Dec 14 @ 11:30 AM – 12:30 PM

O IES Carlos Casares, en colaboración coa nosa entidade, organiza un roteiro pola cidade de Vigo dedicado a Carlos Casares. O punto de partida será a antiga sede da editorial Galaxia, e percorrerá varios puntos da cidade con importancia e significación para a vida e obra do escritor.

Dec
18
Lun
Cantata e fuga para Carlos Casares @ Liceo de Ourense
Dec 18 @ 8:00 PM – 9:00 PM

Baixo o título “Un epílogo auriense”, e dentro das actividades en honra e lembranza de Carlos Casares e Marcos Valcárcel, que organiza a Fundación Carlos Casares e a Deputación de Ourense, xunto co Liceo de Ourense e o Centro Pen Galicia, terá lugar un concerto en homenaxe ao escritor ourensán, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa.

Xosé Carlos Caneiro é escritor, poeta e columnista de La Voz de Galicia dende 1992, cuxos artigos foron recoñecidos con premios como o Fernández del Riego. Como narrador, obtivo, entre outros, o Torrente Ballester, o Blanco Amor, o Xerais… Emilio Rúa é un cantautor ourensán con máis de 30 anos no mundo da música. Tras os seus inicios na orquestra familiar, ten publicado varios discos como Interior ou Vida mía, e traballado con numerosos artistas e escritores.

Dec
19
Mar
Acto das Letras Galegas 2017 no Instituto Cervantes de Madrid @ Instituto Cervantes de Madrid
Dec 19 @ 7:00 PM – 8:00 PM

A Xunta de Galicia (da man do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González) e o Instituto Cervantes (da man do seu director, Juan Manuel Bonet Planes), en colaboración coa Fundación Carlos Casares, organzan un acto conmemorativo das Letras Galegas 2017 no Instituto Cervantes de Madrid.

Con este acto preténdeselle dar unha difusión a nivel español das Letras Galegas, como un dos broches finais aos actos de celebración das Letras Galegas 2017 dedicado a Carlos Casares.

Dec
21
Xov
Presentación de libros sobre Carlos Casares e Marcos Valcárcel @ Centro Cultural Marcos Valcárcel
Dec 21 @ 11:00 AM – 12:30 PM

Como prólogo a unha próxima xornada de homenaxe a Carlos Casares e a Marcos Valcárcel, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a presentación de varios libros sobre os dous axentes culturais clave para entender a cultura ourensá do último terzo do século XX.

Os libros que se presentarán neste acto son:

  • Carlos Casares e Marcos Valcárcel. Homenaxe dunha amizade
  • Carlos Casares (1941-2002). Legado dun escritor
  • Número 13 da revista Cadernos culturais do Limia
Dec
27
Mér
Actos culturais en Vilar de Santos ao redor de Carlos Casares @ Museo da Limia e Concello de Vilar de Santos
Dec 27 @ 5:30 PM – 7:30 PM

O Centro de Cultura Popular do Limia, en colaboración co Museo da Limia e coa Fundación Carlos Casares, organiza dous actos relacionados con Carlos Casares. Por unha banda, a entrega de premios do II Certame de Creación Literaria e Creación Plástica Carlos Casares. Por outra, a presentación do número 13 da revista Lethes, Cadernos Culturais do Limia. No citado número recóllense as achegas de máis dunha ducia de escritores e escritoras limiás que asistiron ao encontro celebrado na pasada primavera no Museo Etnográfico da Limia. Tamén recolle os traballos dos alumnos dos centros de ensino da comarca que participaron no II Certame “Carlos Casares”.

Intervirán Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares; Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia; e Manolo Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia.

O acto estará amenizado polo grupo musical Trovare

Feb
9
Ven
Estrea de “Van”, curtametraxe do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova 2017 @ Teatro Principal de Pontevedra
Feb 9 @ 8:00 PM – 9:00 PM

O XIV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) desenvolveu por oitavo ano consecutivo o taller de creación “Celanova: plató de ficción”, no que un grupo formado por alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo desenvolve no marco temporal do Curso de Extensión Universitaria un produto audiovisual concreto. Neste caso, unha “road movie” galega rodada no Val Miñor cunha historia dramática de amizade e sacrificio.

O taller está  dirixido polo profesor Paulino Pérez Feijoo, profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. O taller está patrocinado e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Universidade de Vigo, AGADIC, GM ProVideo, a ESAD de Vigo e a Fundación Carlos Casares.

Enlaces: Noticia da estrea no DUVI

Material adicional: Dossier da curtametraxe “Van”

Cartel e postais da curtametraxe: Postal de “Van” e outra.

 

Xuñ
12
Mar
Exposición “Carlos Casares. Imaxe e cinema. Dúas miradas” @ Casa Museo Casares Quiroga
Xuñ 12 @ 4:46 PM – Xuñ 27 @ 5:46 PM

A exposición repasa con todo luxo de detalles a mirada nas artes visuais e audiovisuais por parte do escritor e galeguista Carlos Casares. Co seu afán de crear cultura galega e en galego, Casares cultivou estes dous campos dunha maneira non meramente de afeccionado, senón con intencionalidade artística e creativa.

Froito dos seus esforzos nestes eidos, e do seu afán de coleccionista de cámaras antigas, son publicacións como a Guía da provincia de Pontevedra, obra que contén numerosas fotografías do escritor ourensán. A exposición recolle todos estes esforzos, e vencella imaxe, cinema e literatura nunha exposición integral, con aspectos pouco coñecidos dun Casares que en 2017 recibiu o recoñecemento das Letras Galegas.

Na exposición poden verse máis de 40 instantáneas seleccionadas do arquivo dixitalizado do escritor, así como algo máis dunha ducia de paneis con textos sobre Casares e tamén con información sobre a paixón de Casares polo cinema e como influíu tamén na súa escrita. Remata a exposición unha vitrina con unha pequenísima mostra da súa colección de cámaras fotográficas e libros relacionados coa unha das paixóns vitais de Carlos Casares.

Xuñ
26
Mar
Faladoiro sobre Carlos Casares na Casa Museo Casares Quiroga (A Coruña) @ Casa Museo Casares Quiroga
Xuñ 26 @ 7:30 PM – 8:45 PM

Con motivo da exposición temporal “Carlos Casares, imaxe e cinema: dúas miradas”, que se desenvolve do 12 ao 27 de xuño de 2017, a Fundación Carlos Casares e o Concello da Coruña organizan un faladoiro sobre Carlos Casares, que terá lugar o día 26 de xuño ás 19.30 horas no segundo andar do Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12, A Coruña).

O acto será conducido por José Manuel Sande, e participarán Hakan Casares (fillo do escritor), Lara Bacelo (fotógrafa e directora audiovisual) e Gustavo A. Garrido (secretario da Fundación Carlos Casares).

 

Xul
3
Mar
XV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2018) @ Auditorio Municipal Ilduara
Xul 3 @ 12:00 AM – Xul 6 @ 2:30 PM

Obxectivos.

A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, e coa colaboración do AGADIC, promove o XV Curso de Verán de Extensión Universitaria A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas, unha nova achega na liña temática iniciada hai quince anos co curso Cine e literatura. Casares e o cine, e que veñen reunindo no berce de Manuel Curros Enríquez a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

Na oferta histórica do CeMAC, nunha andaina frutífera que iniciamos en 2004, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores. Polo tanto, é obra colectiva, unha suma de vontades ben coordinadas. Suma de vontades e suma de talentos.

O CeMAC2018 céntrase en coñecer e analizar as singularidades da ficción seriada, a súa historia, aparición, auxe e transformación. Analizarase tamén a posibilidade de existencia dun cambio de tendencia ou posible burbulla da ficción seriada e as dinámicas actuais das empresas que xeran estes contidos (Movistar, Netflix, etc.) das mans destes provedores de contidos. Por outra parte discutirase sobre a situación das series actuais para discernir as claves da narrativa audiovisual do presente, os distintos formatos que se manexan, as súas debilidades e fortalezas e o futuro que agarda a este tipo de formatos segundo a nova configuración de consumidores.

O Curso está dirixido preferentemente á comunidade universitaria, con afán formativo e divulgativo, pero, ao mesmo tempo, ábrese aos demais circuítos académicos e a todos os cidadáns motivados polo sector audiovisual.

Ao abeiro deste curso desenvolverase, por noveno ano consecutivo, o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.

Inscricións.

As persoas farán unha pre-inscrición a través da web de Cursos de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

Outra información importante.

As persoas empadroadas no Concello de Celanova ou os Amigos da Fundación Carlos Casares terán unha redución do 35% na taxa de inscrición. Para que se lle aplique este desconto, estas persoas deberán solicitar a acreditación.

Recoñececemento de créditos.

Ao remate do curso de extensión entregarase un diploma acreditativo (asistencia obligatoria ao 85% das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas. O alumnado solicitará o recoñecemento de créditos no centro onde se imparta a titulación na que pretenda validar esas horas, presentando o certificado/diploma de aproveitamento da actividade.

Transporte gratuíto. Para poder usar o transporte gratuíto, e para resolver dúbidas, cómpre facer unha reserva de praza no seguinte correo electrónico: fundacioncarloscasares@gmail.com. A reserva de transporte tamén inclúe, de forma automática, a reserva de aloxamento gratuíto. Saírá un autobús que percorrerá os tres campus da Universidade de Vigo o día martes 3 dexullo. O percorrido dese bus será:

– 10.00h: Pontevedra. Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

– 10.30h: Vigo. Escola de Enxeñaría Industrial (Torrecedeira, 86).

– 11.30h: Ourense. Parada bus da rúa Mestre Vide (lado Escola de Idiomas).

– 12:00h: Celanova. Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC).

O regreso terá lugar o día 6 de xullo aproximadamente ás 14 horas, con percorrido inverso (a hora pode sufrir pequenas variacións suxeitas ao desenvolvemento do Curso). As prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de reserva.

Aloxamento gratuíto.

O Concello de Celanova pon a disposición do alumnado do CeMAC 18 o albergue municipal para as noites do 3, 4 e 5 de xullo. O Concello ten regras propias para o correcto uso das instalacións do albergue que serán comunicadas no momento da chegada ao AMIC. A reserva de aloxamento, para os que non usen transporte, debe facerse mandando un correo a fundacioncarloscasares@gmail.com. As prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de reserva.

Out
25
Xov
Mesa redonda “María Victoria Moreno e a colección Árbore” @ Casa Galega da Cultura (Vigo)
Out 25 @ 7:30 PM – 9:00 PM

O vindeiro xoves, 25 de outubro de 2018, na Casa Galega da Cultura de Vigo sita na Praza da Princesa, 2, a Fundación Carlos Casares organiza unha mesa redonda: “María Victoria Moreno e a Colección Árbore” co motivo dos 30 anos dun fito editorial.

Contará coa participación de David Otero, Manuel Janeiro, Antonio García Teijeiro e Francisco Castro, este último fará de moderador. A entrada a dito evento é libre e gratuita ata completar aforo.

Dec
27
Xov
Exposición “As caras dos libros” na Delegación da Xunta en Vigo @ Delegación Terriotrial da Xunta de Galicia en Vigo
Dec 27 2018 – Xan 18 2019 all-day

A sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo acollerá dúas mostras conxuntas sobre a edición e ilustración de cubertas en obras de Carlos Casares e tamén da colección Árbore, que este ano cumpre o seu 30 aniversario.

Na parte dedicada á obra de Carlos Casares recóllense pouco máis dun centenar de portadas dos libros de do escritor ourensán nos diferentes xéneros e edicións, sexa como autor, tradutor, editor ou colaborador, dispostas en 8 displays, así como un extra que informa sobre a composición e estrutura física do libro como obxecto cultural. Faise especial relevancia na relación entre a obra literaria e o deseño gráfico, con información sobre deseñadores e maquetadores, así como das ilustracións, debuxos ou fotografías que forman parte da concepción do volume.

A segunda parte da mostra recolle a historia da colección de literatura infantil e xuvenil “Árbore”, así como dos antecedentes históricos da Literatura Infantil e Xuvenil e da lingua galega no ensino en Galicia. A colección “Árbore” estivo a cargo de 3 profesionais como foron María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero. Este grupo, baixo a dirección de Casares e o deseño de Manuel Janeiro, levaron a bo termo unha colección que, durante a súa primeira etapa (1988-1998) tirou do prelo máis de 100 obras distintas. A mostra recolle, información sobre a colección, os libros publicados, o traballo de deseño, tradución, ilustración…

 

Xan
31
Xov
Exposición “As caras dos libros” na Escola de Enxeñería de Vigo @ Escola de Enxeñería Industrial
Xan 31 @ 9:00 AM – Feb 28 @ 9:00 PM

A Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo organizan a mostra “As caras dos libros. Unha viaxe polo deseño das cubertas na obra de Carlos Casares e na colección Árbore”, que se poderá visitar ata o día 28 de febreiro de 2019. A exposición conta coa subvención da Xunta de Galicia e coa colaboración da Editorial Galaxia e a Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, e está dirixida ao público en xeral e tamén a visitas de distintos centros escolares.

A mostra ten como obxectivo achegar ao público dous exemplos relevantes do deseño de cubertas do libro galego nas últimas décadas do século XX: na obra de Carlos Casares (Letras Galegas 2018) e na primeira etapa da colección Árbore de Literatura Infantil e Xuvenil (1988-1998), editada por Galaxia e codirixida por María Victoria Moreno (Letras Galegas 2019), David Otero e Antonio García Teijeiro.

A exposición introdúcenos na estrutura e composición do libro, ofrecendo  pinceladas sobre o contexto histórico da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, enmarcada nos tempos da implantación do galego no sistema educativo na década de 1980, para despois deterse no deseño das cubertas dos libros.

Enlace: Máis información da UVigo

Enlace: Folleto da exposición

Enlace: Guía didáctica

 

Mar
13
Mér
Exposición “As caras dos libros” no CEP Carlos Casares @ CEP Carlos Casares
Mar 13 – Mar 29 all-day

A Fundación Carlos Casares organiza a mostra “As caras dos libros. Unha viaxe polo deseño das cubertas na obra de Carlos Casares e na colección Árbore”, que se poderá visitar ata o día 29 de marzo de 2019 no CEP Carlos Casares de Alxén-Salvaterra.

A mostra ten como obxectivo achegar ao público dous exemplos relevantes do deseño de cubertas do libro galego nas últimas décadas do século XX: na obra de Carlos Casares(Letras Galegas 2018) e na primeira etapa da colección Árbore de Literatura Infantil e Xuvenil (1988-1998), editada por Galaxia e codirixida por María Victoria Moreno (Letras Galegas 2019), David Otero e Antonio García Teijeiro.

A exposición introdúcenos na estrutura e composición do libro, ofrecendo  pinceladas sobre o contexto histórico da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, enmarcada nos tempos da implantación do galego no sistema educativo na década de 1980, para despois deterse no deseño das cubertas dos libros.

Abr
1
Lun
Exposición “O principiño ao redor do mundo” na biblioteca pública de Redondela @ Biblioteca Pública Valle-Inclán
Abr 1 – Abr 25 all-day

Inicialmente a exposición sobre a colección da obra O Principiño estaba incluída na exposición de maior tamaño titulada “Os mundos de Carlos Casares”. A súa magnitude e importancia supuxeron a súa separación noutra chamada “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”. Esta exposición forma parte da colección privada do escritor que, dende principios dos anos 70, comezou a traducir a mencionada obra ao galego para a editorial Galaxia. A súa afección polo libro de Antoine de Saint-Exupéry moveuno a coleccionar O Principiño en todas as linguas do mundo. No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da Península Ibérica (galego, portugués, castelán, vasco e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70.

“O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares” é unha exposición didáctica para público miúdo e adulto. Recolle máis de 100 edicións do libro de Saint-Exupéry, en máis de 60 idiomas e dialectos do mundo. Así mesmo, a exposición consta tamén de 4 paneis informativos de 2,20 m de alto e 1 tótem introdutorio. Os paneis céntranse na biografía do autor, nunha descrición e análise da novela, da experiencia vital de Carlos Casares e da súa obra infantil.

Mai
2
Xov
Estrea da curta “Luz de contra” @ Casa das Campás
Mai 2 @ 7:30 PM – 8:30 PM

Durante o ano 2018 desenvolveuse en Celanova, no marco da 15 edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) o taller audiovisual “Celanova, plató de ficción”, dirixida polo profesor de Comunicación Audiovisual Paulino Pérez Feijoo. A estrea marca o inicio tamén da vindeira edición do curso e do taller audiovisual.

Mai
13
Lun
Exposición “As caras dos libros” en Cangas @ Auditorio Municipal de Cangas
Mai 13 @ 10:00 AM – Mai 31 @ 8:00 PM

O deseño da cuberta dun libro establece o primeiro diálogo entre o escritor ou escritora e o lector ou lectora a través da linguaxe plástica, combinando a composición textual e tipográfica, a imaxe, as cores e a mensaxe simbólica que presenta o título.

Os artistas e profesionais que se ocupan do deseño e ilustración das capas dos libros convértense, xa que logo, en provedores de contidos visuais, centrando na cuberta un reclamo cuxa función sedutora resulta vital, pois soporta o peso publicitario, así como da identidade da obra que se achega.

A Fundación Carlos Casares organiza a exposición “As caras dos libros. O deseño de cubertas na obra de Carlos Casares” no auditorio de Cangas. A mostra recolle, en 8 paneis informativos, información das cubertas das distintas edicións da obra de Carlos Casares (novela, ensaio, relato curto, literatura infantil e xuvenil, traducións, obra xornalística, guías literarias…). A mostra tamén presenta un display adicional con información sobre a estrutura externa e interna dun obxecto tan cotián como cheo de curiosidades que é o libro.

Xuñ
4
Mar
Xornada “Videoxogo, realidade aumentada e literatura. Unha mirada transversal” @ Salón de actos do MARCO de Vigo
Xuñ 4 @ 10:30 AM – 9:00 PM

Organizada pola Fundación Carlos Casares en colaboración co Museo do Videoxogo (MUVi) de Cangas, o MARCO de Vigo acollerá o día 4 de xuño a Xornada “Videoxogo, realidade aumentada e literatura. Unha mirada transversal”.

Trátase dun evento no que participarán algúns dos principais axentes do puxante e novidoso sector dos videoxogos en Galicia, así como outros profesionais relacionados co sector cultural literario e co do videoxogo. Pretende esta xornada evidenciar a enorme potencialidade existente na nosa comunidade, a fortaleza dunha cada vez máis importante industria cultural e creativa chea de posibilidades e futuro, pero con necesarios retos que salvar.

PROGRAMA DA XORNADA

O programa está composto por dúas mesas redondas, a presentación dun libro e a instalación interactiva “Videoxogos: un referente social”. A primeira mesa, ás 10.30h, acollerá unha representación dos principais actores da industria do videoxogo en Galicia, con Miguel Areán (CEO de Polygon-e Studios), Sergio Prieto (Gato Salvaje Studio), Rubén Romero (Editorial Fosfatina) e Luz Castro (deseñadora de videoxogos e profesora da USC que acode en representación da asociación Videoxogo.gal). Analizarase a situación e perspectivas do sector dentro do contexto galego.

A segunda mesa, ás 17.00h, contará coa presenza da coordinadora do equipo de media en Ledisson AIT, Estrela Páramos; o programador de videoxogos Nicolás Casal; o tradutor e localizador de videoxogos, e profesor da UVigo, Ramón Méndez; e a deseñadora de videoxogos e profesora da UVigo Beatriz Legerén. A mesa tratará diversos temas sociais transversais, dende o sector educativo, empresarial, literario, profesional…

Ás 19.30h Antonio J. Gil, profesor da USC e coeditor xunto con Pedro Javier Pardo do libro Adaptación 2.0. Estudios comparados sobre intermedialidad, presentará a obra e fará unha análise sobre as perspectivas transversais entre literatura, videoxogo e dispositivos tecnolóxicos de realidade aumentada ou realidade virtual.

Por último, durante a xornada, os asistentes poderán acceder á instalación expositiva interactiva “Videoxogos, un referente social”. Ideada por Jacobo e Galo Martínez, do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVi), a mostra quere exemplificar a pertenza do videoxogo ao conxunto da sociedade e como reflexo da mesma, e polo tanto, como unha elemento cultural. E pretende facelo cunha breve sinopse da historia do videoxogo dende un punto de vista sociocultural, en base ao seu impacto colectivo. A tal fin, escolléronse varios fitos representativos de sistemas de entretemento co seu software correspondente: videoxogos e consolas que protagonizaron puntos de inflexión fundamentais para entender a industria cultural e creativa do videoxogo. A mostra presentarase ás 12.30 horas mediante un faladoiro dos representantes do MUVi.

Enlace: PROGRAMA XORNADA VIDEOXOGO E LITERATURA

Xul
9
Mar
CeMAC 2019 – XVI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova @ Auditorio Municipal Ilduara
Xul 9 @ 4:00 PM – Xul 12 @ 2:30 PM

O XVI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2019) está dirixido por Miguel Anxo Fernández. Este ano, baixo o título: “Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización”, o curso pretende explorar tres vías de desenvolvemento do sector audiovisual en Galicia, como un potencial de valor socioeconómico dentro e fóra da nosa comunidade.

O CEMAC, desde a súa condición de curso universitario atento ao pulso coxuntural audiovisual do país en particular, e mesmo da sociedade en xeral con relación a cultura das imaxes e mesmo do seu consumo, afronta nesta edición un trazo singular que rematará por condicionar a evolución do sector galego. O ecosistema audiovisual galego vai camiño de atopar o seu equilibrio industrial e creativo, o paso definitivo cara a súa normalización á marxe de sorportes e formatos, nos que xa cubrimos a totalidade do espectro da ficción e non-ficción, e mesmo os derivados das novas tecnoloxías, e onde o proceso de internacionalización da produción e coprodución é un feito.

Engadimos tamén unha reflexión cualificada sobre as novas formas de consumo audiovisual, as plataformas de streaming, movéndose entre a lícita oportunidade de negocio global e as fortes expectativas que representan para a dinamización da industria, e ao tempo provocando a polémica entre quen no sector diferenzan entre formatos para cine e televisión, e mesmo o sector da exhibición convencional.

Durante o curso organizarase un taller de produción audiovisual, dirixido por Paulino Pérez, baixo o titulo “Celanova, plató de ficción”, e desenvolvido polo alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

ENLACE: Programa CeMAC 2019

ENLACE: Apúntate no CeMAC 2019