A figura de Manuel Curros Enríquez foi a primeira das estudadas por Carlos Casares para a colección Conciencia de Galicia, editada por Galaxia nos primeiros anos 80, á que achegou tamén biografías de persoeiros como Vicente Risco e Otero Pedrayo. Trátase dun libro de pequena extensión mais de gran fondura, pois achégase a unha personalidade tan atraente como enigmática, a dun poeta que, sendo aclamado en vida coma poucos, deixou moi poucos datos sobre a súa verdadeira experiencia vital.

De feito, o libro de Casares non foxe das contradicións que Curros xerou e, en parte alimentou. Fillo dun pai violento e famoso polo seu mal carácter, o vate celanovés foxe da casa aos 15 anos para converterse nunha figura fundamental do Rexurdimento e un referente moral, lindando moitas veces coa intransixencia. O texto segue a Curros Enríquez na súa peripecia vital entre Ourense e Madrid, empregado da Administración ou de diversos xornais, e detense en episodios pouco claros como a súa suposta viaxe a Londres sendo moi novo e case como esmoleiro, da que ninguén é capaz de dar conta certa.

O entusiasmo político de Curros crúzase moitas veces coa decepción da realidade e a fondura dos seus poemas contrasta cunha personalidade depresiva e mesmo cruel coa súa familia da que o volume non escapa. “Os seus amigos, que fixeron abstraccióni dos seus defectos, considerárono unha especie de santo laico. Os seus inimigos, que non quixeron nunca recoñecer as súas virtudes humanas, viron nel a encarnación do mal”, resume Casares na súa visión dunha das figuras más prominentes de Galicia e das súas letras.