Hormigón na presentación das publicacións da ADE na sede da Fundación Carlos Casares

O pasado día 11 de novembro estivo connosco o catedrático de Dirección de Escena da Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid, e director das publicacións da Asociación de Directores de Escena de EspañaJuan Antonio Hormigón. Presentado por Manuel F. Vieites, coordinador do Ciclo Vigo: nós e a cidade, Hormigón comezou xustificando a  escolla do título da súa intervención –Un teatro para unha cidade– mediante unha frase principal: “O teatro é, ante todo, un acontecemento urbán; xorde na urbe, entendida como agrupación de persoas que determinan espazos de convivencia, mercado, transmisión de debates, etc., con sentido aunador”.

Acto seguido fixo un repaso das distintas épocas históricas e do seu reflexo no teatro, referíndose tanto ao edificio como á súa función . Este ten os seus inicios en Grecia, onde se fai imprescindible, cun sentimento cívico-relixioso e propagandístico. No caso das cidades romanas, era impensable a non existencia dun teatro, como tamén o eran o foro ou as termas. Co afundimento das cidades na Idade Media, o teatro permanece nas prazas e igrexas, con obras relixiosas comunitarias. No renacemento convive o “teatro da praza” co “teatro do príncipe” -representacións dos clásicos en espazos pechados, como castelos-, cos teatros cívicos, que comezan a construción de edificios teatrais nas zonas exteriores das cidades, e co “teatro de carreta” en pobos e aldeas. Os séculos XVIII e XIX ven o regreso do teatro ao centro das cidades. Desta época son exemplos claros a ópera de París ou o Teatro Principal. No século XX non se producen cambios excesivos.

Hormigón pasou a enumerar acto seguido o que supón un teatro, tanto o edificio como a función específica que realiza. O teatro cumpre a función de conservación do patrimonio arquitectónico da cidade. Como elemento central, adoita ser o emblema ou símbolo urbán, e tamén lugar de encontro da comunidade. Ademais, é un lugar para a construción de historias e un espazo reservado aos intérpretes e traballadores profesionais do teatro. Xa que logo, non falamos dun teatro nunha cidade, senón dun teatro para unha cidade. O teatro é un xerminador de democracia e debería ser un servizo público e un ben cultural.

Por último, e tras poñer modelos e historias dalgúns teatros europeos, falou dos pasos que habería que seguir co fin de construír un teatro para unha cidade, entre os que destacou a convicción política sobre a importancia no desenvolvemento cidadán e servizo público do teatro, unha mellor adecuación dos investimentos públicos para obter dotacións axeitadas, a adopción de boas prácticas no teatro co fin de evitar fraudes, a conveniencia de mellores pregos de condicións nos contratos, a institucionalización do proxecto para evitar vaivéns políticos ou mesmo unha resposta axeitada dos profesionais do teatro.