Adiantándose ao fenómeno das sagas literarias infantís, Carlos Casares encetou no arranque dos anos noventa a serie de libros nos que o protagonista é Toribio, un neno de oito anos cun enxeño fóra do común. Cheas de humor e imaxinación e marcadas polos fabulosos inventos do seu personaxe principal, as historias, sempre didácticas, reflicten unha das facetas da personalidade do autor: a fascinación pola tecnoloxía.
A serie, editada na súa integridade por Galaxia, abriuse en 1991 con Este é Toribio, que presenta ao protagonista, debuxado desde este primeiro volume pola ilustradora Penélope Ares. A saga continuou ese mesmo ano con Toribio contra o profesor Smith, no que aparece quen será o inimigo do protagonista en varios dos títulos posteriores: o malvado Smith pretende, neste caso, converter a basílica de San Pedro do Vaticano nun rañaceos, cousa que Toribio impedirá coas súas creacións.
Tamén en 1991 apareceu Toribio e o contador de contos, no que o protagonista axuda a unha amiga a superar as intrigas do profesor Smith, que pretende estragar un dos seus inventos. Ao ano seguinte Galaxia editou Toribio ten unha idea, na que o mozo inventa o Adiantador Liñal de Seguridade. A historia deste volume continúa en Toribio revoluciona o tráfico, publicada en 1994, coa que rematou esta saga pioneira.
Galaxia reeditou os cinco volumes da saga de Toribio en febreiro de 2017, coincidindo coas homenaxes a Carlos Casares polo Día das Letras Galegas.