Con motivo da celebración do Día Internacional do Teatro, a Fundación Carlos Casares recuperou dos papeis persoais do escritor unha serie de recortes de prensa nos que se recolle a entrega do premio O Facho por As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, en 1973
El Ideal Gallego ilustraba o 8 de outubro de 1973 o “sinxelo acto celebrado en Ourense” cunha imaxe na que Casares recibe, de mans do presidente da Agrupación Cultural O Facho, un premio de 25.000 pesetas da época. As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas é unha obra pioneira, que se atopa, xunto con A galiña azul, entre as primeiras pezas dramáticas para nenos e nenas escritas en galego. Como destaca a prensa da época, foi galardoada por un xurado do máis alto nivel, formado, entre outros, por Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, o dramaturgo Xenaro Mariñas ou o pedagogo Valentín Arias. No seu fallo cualifican a Casares de “figura xa consagrada nas letras galegas con obras como Vento ferido, A galiña azul e Cambio en tres. O xurado deu mencións honoríficas a textos escritos nada menos que por Euloxio Rodríguez Ruibal, Dora Vázquez e Bernardino Graña.
Ademais da contía económica, o premio supuxo a interpretación da obra no primeiro festival de teatro de Ribadavia, en maio do ano seguinte. Noutro dos recortes recuperados pola Fundación explica Casares, co seu eterno sentido do humor, que “dende que a escribín non a volvín ler, pois coas présas de última hora non tiven a precaución de quedar cunha copia”. Do texto destaca o autor o seu “movemento e o colorido”, e admite que é unha obra “de representación difícil polas súas complicacións técnicas”. Reflicte, di nunha entrevista da época, “la derrota del hombre que sólo emplea la fuerza como argumento”. Debedora tanto do surrealismo como do cinema humorístico dos primeiros anos do século XX, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas retrata unha serie de personaxes excéntricos e de situacións absurdas. A súa estrea significou, na opinión dun artigo de La Voz de Galicia en 1974, os “primeiros pasos dun teatro infantil galego”.
A importancia de Casares na dramaturxia para nenos foi recollida hai uns anos pola Fundación, que puxo en marcha en 2010 o Proxecto Toromelos en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Un elenco formado por alumnos e alumnas do centro puxeron en escena unha adaptación do conto Lolo anda en bicicleta. Baixo o título de Lela anda en bicicleta, a obra visitou as principais cidades de Galicia, e contou coa dirección de Ricardo Solveira. A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASD) de Santiago de Compostela colaborou tamén na produción deseñando o vestiario.
As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas foi tamén recuperado polo Centro Dramático Galego, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, da man de José Caldas na dirección escénica e de Bernardo Martínez na dirección musical. O espectáculo percorreu Galicia entre 2004 e 2010, e foi actualizado en 2016 cun novo elenco formado por Alba Blanco, Alberte Cabarcos, Davide González, Alén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde.